|
mesa sectorial do 21 de febreiro
A CIG-Ensino
lamenta que non se nos
mandase por correo electrónico a oferta de emprego e a documentación que se nos
entregou hoxe nesta Mesa para poder ter feito un estudo e valoración. Botamos en
falta que a oferta de emprego non forme parte negociación das condicións de
traballo e estabilidade do profesorado interino, cando ademais había o
compromiso de iniciar esta negociación a finais de xaneiro ou comezos de
febreiro. A oferta debe garantir a estabilidade dos interinos, a redución das
ratios e o incremento das plantillas dos centros para facer fronte ao fracaso
escolar. Botamos en falta prazas de Psicoloxía e Pedagoxía para dotar de máis
dun Orientador aos centros de máis de 12 unidades. Reclamamos medidas concretas
na convocatoria para evitar situacións irregulares en determinadas
especialidades dos Conservatorios e para que se cubran as prazas. En canto aos
opositores con discapacidades, é necesario contactar con eles para ver que
discapacidade teñen e, polo tanto, que adaptacións materiais, temporais, etc.
necesitan.
A
Administración responde que non é unha
oferta pechada e que van deixar un prazo de dous días para que se fagan
aportacións, pero o núcleo central da oferta vaise manter. Non se fai oferta
máis ampla porque consideran que o novo Decreto derivado da LOE vai favorecer o
acceso dos interinos. En Música de secundaria a oferta non é maior porque está
pendente a posibilidade de convocar cátedras. Tiveron tamén en conta para a
oferta que as prazas do 1º ciclo de ESO vacantes van ser ocupadas por
profesorado de Secundaria. A oferta ampla de prazas de Inglés de Primaria,
responde á intención da Consellaría de incrementar a oferta de idiomas e iso non
pon en perigo a situación dos interinos.
En canto ás
prazas para discapacitados buscarase a maior información posíbel sen atentar
contra o dereito á intimidade, para darlles as facilidades que necesiten. Haberá
a máxima colaboración por parte da Administración.
Como a LOE
seguramente se aprobará aproximadamente en abril, o profesorado provisional,
interino e substituto de Primaria xa non poderá elexir vacantes do 1º ciclo da
ESO. Neste momento hai 56 interinos e menos de 400 provisionais impartindo en
ESO (a Adicional non conta para PT
e AL).
Rogos e
preguntas:
CIG:
-É necesario estabelecer un calendario de temas a
tratar nesta Mesa, priorizando o tema do acordo de estabilidade dos interinos,
retribucións, mellora da gratificación por xubilación,
etc...
-Preguntamos se a Xunta vai presentar recurso contra
o Decreto de Centros Integrados porque van rematar os prazos. Está habendo
conflitividade nalgún centro pola incertidume actual da situación do profesorado
ao non coñeceren a futura tipoloxía para os Centros
Integrados.
-Demandamos solución para o profesorado de Canto dos
Conservatorios que ten que impartir idomas, sen ter esta
especialidade.
-En relación co Decreto de elección de directores, é
necesario prever algún mecanismo por se os prazos da LOE non permiten sacar un
novo Decreto.
-Estase
negociando a modificación da Lei da Función Pública. Urxiría unha circular no
ensino, mentres non estea rematada a negociación, que permitira a acumulación da
hora de lactancia ao permiso por maternidade, como xa se está fecendo noutros
colectivos
-Solicitamos, tal como xa temos presentado ao servizo
de formación do profesorado, que o profesorado que está en prazas do exterior e
remata este curso, poida optar a prazas de asesores de CEFORES aínda que neste
momento non sexa funcionario da Consellaría de Educación.
-O tema das
ratios e condicións de traballo do profesorado de Infantil debería ser tratado
nesta Mesa Sectorial.
Admón.:
-Unha vez rematada a oferta de emprego e a
convocatoria de oposicións presentarase un calendario de temas a negociar na
Mesa.
-Traerán unha proposta á Mesa a respecto do Decreto
de directores o mes que vén. Non teñen aínda unha decisión
tomada.
-A regulamentación da lactancia depende de normativa
básica e non se pode resolver cunha circular, aínda que van estudar o
tema.
Incorpórase o Director Xeral de FP para dar
resposta ás cuestións relacionadas con FP.
-Non hai
problema en facernos chegar os datos de matrícula de FP: 33.000 alumnos
matriculados e 15.000 prazas sen cubrir.
-Neste momento hai 4 centros que teñen redución
horaria para mantemento das redes informáticas; no resto depende da
dispoñibilidade horaria do profesorado.
-Centros Integrados: Aínda non teñen informe
por escrito dos servizos xurídicos para ver se se vai presentar recurso ao
Decreto de Centros Integrados. O único aspecto recurríbel é a tipoloxía de
centros. A opinión da Consellaría é que nos Centros Integrados non haxa ESO pero
si Bacharelato. No mes de marzo haberá unha Mesa Sectorial para tratar os
Centros Integrados e para o reformulamento de todo o mapa de FP. Están pensando
nunha rede de 12 Centros Integrados dependentes da Consellaría de Educación, nos
que van estar representadas entre 15 e 18 familias profesionais. En 4 destes
centros non vai haber ESO; noutros 4 a matrícula é inferior a 80 alumnos;
noutros 2 é inferior a 140-160; no caso do IES de Fene hai que buscar unha
solución específica (desde a CIG apuntamos que a solución vai ser dividilo
administrativamente en 2 e o director Xeral non o nega); e haberá un Centro
Integrado de nova creación en Lugo capital. |