|
INSPECTORES EDUCATIVOS PRETENDEN
IMPEDIR A APLICACIÓN DO ACORDO ASINADO O 8 DE XUÑO POLA CIG-ENSINO E OUTRAS
ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE AMPLÍA OS CADROS DE PROFESORADO DOS CENTROS DE
INFANTIL E PRIMARIA E REDUCE A XORNADA LECTIVA DESTE PROFESORADO
Como é sabido, a CIG-ENSINO e outras
organizacións sindicais chegaron a un acordo coa Consellaría de Educación, o día
8 de xuño, para mellorar os cadros de persoal dos centros docentes de primaria e
infantil e para reducir o horario lectivo e de permanencia fixa nos centros.
Este acordo, á parte doutras cuestións,
estabelece, taxativamente, que para o inicio deste curso escolar (2007-2008) o
horario fixo de permanencia semanal do profesorado será de 25 horas en lugar das
30 h. e de 21 h. lectivas en lugar das 25 h. para aplicar entre este curso e o
que vén. O mesmo acordo recolle: “A
Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria comprométese a garantir os
recursos necesarios para facer efectivo este horario mantendo unha efectiva
organización do centro”.
Porén,
a CIG-ENSINO vén de constatar que a inspección educativa está dando instrucións
aos centros escolares de infantil e primaria para que non se aplique o acordo
asinado o día 8 de xuño de 2007 pola CIG-ENSINO e outras organizacións sindicais
sobre o incremento dos cadros de persoal e horario do profesorado.
É
inxustificábel que, a poucos días de iniciarse o curso, a Consellaría non teña
dado instrucións aos centros para a aplicación do acordo tal e como lle
solicitara xa, no seu día, a CIG-ENSINO. Pero o que é máis grave é que
diferentes inspectores educativos pretendan impedir a súa aplicación.
Por
iso, a CIG-ENSINO vén de exixir á Consellaría que dea as instrucións necesarias
e garanta o profesorado suficiente para facer efectivo o acordo asinado o 8 de
xuño. Ao mesmo tempo solicitamos unha reunión urxente para negociar as
instrucións necesarias para aplicar os novos catálogos e horario lectivo de 21
horas.
Santiago,
5 de setembro de 2007
Secretaría
de prensa da CIG-ENSINO |