6/5/2011
Facebook Menéame del.icio.us
compartir

Modificación addenda interinos e substitutos

Posición CIG-Ensino ante a nova modificación da addenda
A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en resolución do 10 de maio de 2010 regula o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación. Trátase dunha nova addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995 que a CIG-Ensino non asinara, entre outras, cousas por considerar que significaba unicamente un acordo de colocación pero non renovaba o acordo de estabilidade que viña funcionando ata daquela.

O tempo deunos a razón e hoxe atopámonos con profesorado interino con moitos anos de experiencia docente nunha situación moito máis precaria realizando substitucións por todo o país e outros moitos no paro.

Cando o que realmente precisa este colectivo é a negociación das súas condicions de traballo na perspectiva da consecución dun necesario acordo de estabilidade ( sobre todo agora que remata o periodo transitorio de acceso á función pública docente previsto na LOE), atopámonos con que o único que lle preocupa á Administración Educativa, co beneplácito de CCOO e ANPE, é modificar aquela addenda, en concreto o apartado 2º que "establece a orde de prioridade no nomeamento do profesorado interino e substituto".

Con esta modificación engádense á devandita orde de prioridade tres novos considerandos relativos á elaboración de listaxes paralelas ou segundas listaxes " en cada especialidade que imparta áreas ou materias non lingüísticas, con aquelas persoas que acrediten o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Lenguas, para cubrir interinidades e substitucións das áreas ou materias que se impartan nunha lingua estranxeira nos centros plurilingües ou nas seccións bilingües".

Por suposto A CIG-Ensino oponse a esta nova argallada da Consellería de Educación avalada por CCOO e ANPE porque vulnera a orde de prioridade xeral no nomeamento do profesorado interino e substituto que está en vixencia en Galiza desde os anos 80.

Amais disto, unha modificación desta natureza tería que ser negociada na Mesa Sectorial, cousa que non aconteceu e, aínda por enriba, foi asinada unicamente por unha minoría sindical (CCOO e ANPE), que non representa nin tan sequera un terzo do profesorado.

A CIG-Ensino ten recorrida a orde de centros plurilingües e estudará a posibilidade de recorrer a nova orde de centros plurilingües.