4/7/2011
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

O Consorcio Galego de igualdade e benestar non está cubrindo as vacacións do persoal das Galescolas

É esta a aposta pola calidade do sistema educativo galego da administración galega?
A CIG-Ensino, amais de denunciar esta situación, vai esixir ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que se mellore e se faga pública a xestión das listas de contratación e substitución, aplicando os criterios que se aplican para o resto do persoal da Xunta.

O consorcio galego de igualdade e benestar volve dar razón da súa incompetencia, xa que logo, sabendo desde decembro que non ten xente nas listas de substitucións para cubrir as vacantes do seu persoal das galescolas (sobre todo educadoras, educadores, mestras e mestres) non abre as listas para contar co persoal necesario para que as galescolas podan funcionar con normalidade durante os meses de verán.

Nin sequera fai uso da normativa actual que lle permite facer un chamamento ao Servizo Galego de Colocación até que xa nos atopamos en pleno período vacacional, co cal agora poden pasar 15 días sen que as persoas encargadas da xestión das listas de substitucións teñan persoal para cubrir estas vacacións. E mentres tanto o persoal das Galescolas está facendo horas e horas por riba do seu contrato de traballo.

Isto é a evidencia máis contundente da falta de planificación en detrimento do ensino público como garante de igualdade de oportunidades.