Deste xeito a Consellaría demostra a súa sumisión aos mandatos de Génova, seguindo as directrices políticas do PP, que ten determinado non crear emprego no sector público, senón destruílo, algo que, máis alá de crise ningunha, mesmo é coherente cos seus postulados de potenciación do privado en detrimento do público. Nin Génova, nin o goberno central teñen competencias en Educación en Galiza, mais o Conselleiro de Educación obedece disciplinadamente e renuncia así ás funcións que lle corresponden, sen ter en conta nin defender as necesidades do sistema educativo galego.
Na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino esixiu que si haxa convocatoria da oferta de emprego público, unha convocatoria absolutamente necesaria para manter a atención educativa nos centros e para manter e crear emprego. A conxelación da oferta significa que non se cubrirán as xubilacións que se están a producir neste curso, por non falar das que xa se produciron o ano pasado e que non foron cubertas, o que se traduciu nun déficit de máis de mil docentes no mesmo inicio do curso. Por outro lado, en Galiza sería o segundo ano consecutivo sen oferta en Secundaria.
A CIG-Ensino esixiu que o goberno galego actúe como tal e faga uso das competencias plenas en Educación realizando oferta de emprego público en Galiza, porque do contrario estaríamos ante un novo recorte, outro máis dos que constantemente vén impoñendo o PP ao ensino público. A conxelación da oferta de emprego vai ter as seguintes consecuencias negativas para o ensino:
A Consellaría xustificou a non convocatoria en base a que a taxa de reposición do 10% só lles permite convocar un número pequeno de prazas que supón un custe económico importante e escusáronse dicindo que estudarán acumulalas á convocatoria do ano 2013. A CIG-Ensino rexeitou esta xustificación pois foron eles os que fixaron esa taxa de reposición a sabendas dese custe económico e preguntou con que argumentos se nos garante que a convocatoria que non se fai este ano se poderá facer o ano que vén.