Na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino esixirá a convocatoria da oferta de emprego público, unha convocatoria absolutamente necesaria para manter a atención educativa nos centros e para crear emprego. A conxelación da oferta significaría que non se cubrirían as xubilacións que se están a producir neste curso, por non falar das que xa se produciron o ano pasado e que non foron cubertas, o que se traduciu nun déficit de máis de mil docentes no mesmo inicio do curso. Por outro lado, en Galiza sería o terceiro ano consecutivo sen oferta en Secundaria, pois a realizada en anos anteriores foi meramente testemuñal.
A CIG-Ensino esixirá que o goberno galego actúe como tal e faga uso das competencias plenas en Educación realizando oferta de emprego público en Galiza, porque do contrario estaríamos ante un novo recorte, outro máis dos que constantemente vén impoñendo o PP ao ensino público.
Segundo a información que transcendeu da reunión do Ministro de Cultura e Educación coas comunidades, Galiza sería unha das comunidades que previsibelmente aceptará a imposición centralista de non realizar convocatoria de emprego público. Deste xeito o goberno galego estaría renunciando ás súas competencias e asumindo unha recentralización das competencias educativas, xa que a oferta de emprego é unha competencia da administración educativa galega que ten que considerar as necesidades e as carencias do sistema educativo galego, que son diferentes ás que poidan ter outros territorios do estado español. Débese considerar que esta decisión, nin sequera, respecta a posibilidade de convocar o 10 % da taxa de reposición que recolle o Decreto-Lei 20/2011 de medidas urxentes de materia orzamentaria.