Entrevista da CIG-Ensino coa

Ministra de Educación e Ciencia

 

O día 21 de novembro, ás 16.30 da tarde, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o membro da Executiva, Duarte Correa, foron recibidos pola Ministra de Educación, Mercedes Cabrera.

Ao longo desta entrevista, a CIG-Ensino expúxolle á Ministra de Educación diversos  asuntos que son obxecto constante da preocupación, reivindicación e esforzo deste sindicato para a consecución das mellores condicións posíbeis para o ensino público:

  1. Manifestámoslle a nosa preocupación  e o noso rexeitamento á proposta de Estatuto da Función Pública Docente, entre outras cousas, por recoller a estratificación do profesorado en oito graos e non recoller as reivindicacións máis demandadas do profesorado.
  2. Solicitámoslle a súa intervención para que o actual proxecto de Decreto de acceso á Función Pública facilite o acceso do profesorado interino, que o ensino de relixión non teña cabida na escola e que se manteña a actual carga lectiva para a materia de tecnoloxía.
  3. Amosámoslle o noso desacordo coa política centralista e privatizadora que están aplicando na Formación Profesional, coa invasión de competencias, coa intención de estabelecer “Centros de Referencia Nacional” en Galiza e co modelo de xestión dos centros contraria á xestión democrática.
  4. Demandamos os orzamentos necesarios para o desenvolvemento da LOE e para desfacer a débeda histórica que ten a Administración Central coa Educación en Galiza.
  5. Outros temas tratados foron a necesidade de deseñar políticas educativas contrarias á privatización (redución dos concertos educativos), redución do número de alumnos/as por aula, restauración da xestión democrática dos centros coa elección democrática dos seus cargos, a urxencia dun novo sistema retributivo para o profesorado, a mellora das nosas pensións e un maior investimento no ensino público.
  6. Así mesmo, tamén lle expuxemos as carencias da actual proposta de modificación da LOU xa que continúa asentada no centralismo, non garante a autonomía universitaria e precisa dunha xestión e participación democrática.

 

A entrevista desenvolveuse nun ambiente cordial. A Ministra manifestou que o Estatuto da Función Pública Docente, a materia de relixión e a carga lectiva de tecnoloxía aínda son cuestións abertas e, polo tanto, ata agora non definitivas. No que atinxe á Carreira Docente que recolle o Proxecto de Estatuto, o Ministerio ratificouse na súa proposta malia a nosa argumentación en contra.