20/1/2012
Facebook Menéame del.icio.us
compartir

Temas varios

Mesa Sectorial de 19 de xaneiro de 2012

En primeiro lugar esiximos respecto para as organizacións sindicais neste órgano. Non é aceptábel cousas que temos que oír como que temos facer boas propostas, ou que por que o profesorado chama aos sindicatos, que se nos negue a palabra, que se nos poñan malas caras cando estamos falando, nós representamos o profesorado e fomos elixidos nun procedemento democrático. Esiximos ademais que se dea resposta ás cuestións que presentamos.

Ademais, manifestamos a nosa desconformidade co horario en que se están a convocar as mesas. Reclamamos que se convoquen en xornada de mañá e que se manteñan nos xoves, non se pode facer unha convocatoria de tarde, que logo remata pasadas as nove da noite.

  • Preguntamos cando se vai constituír a Mesa Sectorial de Educación de acordo cos resultados electorais de decembro de 2010. Reclamamos que no momento en que se constitúa se negocie un calendario de temas a tratar
  • Reclamamos a retirada da orde de 28 de xuño de 2011 pola que se nos impuxo a modificación do horario lectivo e das  nosas funcións, o profesorado foi moi claro na súa posición a este respecto.
  •  CELGAS: denunciamos que a Consellaría de Educación reduce un 41% os fondos destinados á realización dos cursos CELGA. Un novo ataque ao noso idioma. Consonte a redución orzamentaria a Consellaría reduce un 22% os cursos que ela programa de xeito directo, deixando 11 localidades sen garantía de oferta. Esiximos que se amplíe e que se garanta a oferta máis alá das cidades. Esiximos que se incremente a partida orzamentaria e que se garantan os cursos nas localidades
  •  Axudas Equipos de normalización: seguen sen estar convocadas e sen que se teña noticia delas, esiximos que se publiquen inmediatamente.
  •  Pedimos que se nos responda ás cuestións que presentamos. Responden que o fan sempre, ao que lle retrucamos que se así fose, non estariamos repetindo moitas das presentadas na última mesa. Di que vai responder as de FP.
  •  Libro de Vicens-Vives, agardamos que non se execute o disparate anunciado polo Conselleiro.
  •  Oferta de Emprego: que se negocie e convoque canto antes. Ademais esiximos que se convoquen todas as prazas necesarias, non se pode repetir o que sucedeu este ano que comezou o curso cun recorte de máis de 1000 docentes, cuestión que está tendo repercusión constantemente nos centros. A CIG-Ensino esixe que se convoquen todas as xubilacións, tamén as do curso pasado.

Probas de acreditación de competencia por experiencia, ten que procurarse que estean axustadas ao traballo que desenvolven as persoas que se presentan. Responden que analizarán o tema.

  • Denunciamos que Educación incrementa, cunha extra superior aos 300.000 €, as subvencións a centros privados concertados. Fronte aos recortes no ensino público, a Consellaría incrementa o financiamento extraordinario dos centros concertados. Inadmisíbel que estes centros poidan usar fondos públicos para modificar instalacións ou contratar fisioterapeutas e nos centros públicos non teñamos nin substitutos dos orientadores ou o profesorado de PT e AL necesario nos centros. 
  • Deleznábel que a Consellaría utilice a web para responder as notas de prensa da CIG-Ensino e que ademais o fagan mentindo descaradamente. Tomaremos as medidas oportunas.
  • Inxustificábel que A Consellaría de Educación reinicie as aulas coa ausencia de 138 docentes que poderían estar debidamente substituídos, pois eran baixas comunicadas con antelación ao 5 de xaneiro (hoxe ás 12 da mañá 63 vacantes sen cubrir, algunha desde o 5 de xaneiro (CMUS Vigo)
  • Preescolar na casa, agardamos que a Consellaría modifique a súa actitude e se manteña integramente o proxecto.
  • Orde especialidade de primaria, que non se limiten temporalmente as habilitacións. Esta orde tiña que ter pasado pola mesa.
  • Esiximos o cumprimento da Lei de memoria histórica. Na provincia da Coruña aínda hai 3 casos de nomes de centros. Estamos a falar do cumprimento dunha lei orgánica. A Administración ten que dar instrucións para que se cumpra.
  • Vacantes do concurso de traslados: reclamamos que se publiquen todas as que están informadas positivamente, tamén as de orientación e denunciamos a actitude da Consellaría que non as publicou no debido momento.
  • Saúde laboral:  esiximos o cumprimento do dereito á revisión médica.
  • Centros integrados: denunciamos que se están impoñendo sesións de 60 minutos, isto ten como consecuencia inmediata a redución de profesorado.
  • Formación pedagóxica: No BOE do 5 de outubro publicouse a Orde EDU/2645/2011, de 23 de setembro, que establece a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica esixida a aquelas persoas que non poden cursar o master por falla de titulación. Esta formación esixirase a partires do 1 de setembro do 2013. Correspóndelle á Consellería desenvolver esta orde reclamamos que se faga xa.
  • Reclamamos que a Consellaría arbitre as medidas necesarias para recuperar a matrícula gratuíta na universidade, non pode excusarse en que é unha cuestión da Universidade, pois é a responsábel última.
  • Asesoría xurídica: en primeiro lugar manifestamos que unha cuestión como esta debería pasar pola Mesa Sectorial. En segundo lugar rexeitamos esta tomadura de pelo que é un procedemento para privatizar un servizo que ademais non vai dar unha cobertura completa considerando que exclúe as cuestións que entren en conflito coa Xunta, nin a responsabilidade civil.
  • Fálase moito da importancia das linguas, mais depende de cales sexan estas, pois temos noticia dunha aula bilingüe de portugués en que a substitución que se realizou foi cun docente que non falaba protugués. Din que habería que ver ese caso, porque se é certa a nosa denuncia preocúpalle.
  • Cursos de acceso de ciclo medio a superior. Esiximos que se poñan en marcha e que se realicen en centros públicos
  • Que se retire a instrución de CIFP de que se dean clases de 60 minutos, xusto no momento en que maior tempo precisan de preparar as súas aulas. Responden que nos centros integrados só se imparte  FP que non se aumenta a carga horaria, só se reestrutura.
  • O profesorado de FP trasládanos que reclamemos que se tomen medidas, unha simple enquisa sería suficiente, para coñecer en que módulos quere formarse o profesorado.
  • Reclamamos que se nos explique que pensan facer co CPI Celso Emilio Ferreiro, de Vigo, porque a inspeccións está buscando acomodo ao profesorado de 1º ciclo noutros centros da localidade.

Ao final da reunión o Director Xeral informa de que o día anterior houbo unha reunión, foi con aqueles centros de primaria que de acordo coa base de datos teñen máis dun 20% de fracaso escolar e cos de Secundaria que teñen máis dun 30%. Fíxoselles a proposta de que a modo do que figuraba na orde dos contratos programa analicen as causas deses fracaso e que propoñan medidas para que no ámbito dos Proa melloren os resultados, iso pode levar a que teña que facer un reforzo en determinados centros.